Sunday 05 de May de 2024

O Concello remata os traballos de limpeza e conservación do mural en relevo de Leopoldo Nóvoa


A actuación comezara a finais do mes de agosto e súmase ás xa executadas para a conservación do patrimonio cultural

O mural atópase na relación de elementos patrimoniais do parque de Santa Margarida e é considerada unha das 100 obras mestras da arte galega

O Concello da Coruña, a través da xefatura do servizo de Infraestruturas, rematou os traballos de limpeza e conservación do mural en relevo da canteira, situado na zona do ensanche de Santa Margarida. Os traballos comezaran o pasado 30 de agosto e concluíron no día de hoxe, seguindo a estratexia desenvolvida polo Goberno de Inés Rey para a conservación do patrimonio histórico-artístico da cidade. Seguindo a diagnose realizada no estudo previo, tratáronse as numerosas estruturas presentes no friso, utilizando diferentes tratamentos e técnicas dada a gran variedade de axentes de deterioro e de degradación presentes. Tamén se realizou un reacondicionamento da contorna do conxunto mural (camiño e explanada superior) así como unha eliminación e control das plantas superiores (vexetación adventicia), dos microorganismos (briofitos, fungos, algas e liques) e procedeuse a unha limpeza de depósitos superficiais e elementos alleos.

O mural, obra do autor Leopoldo Nóvoa García, data de finais dos anos 90 e atópase na relación de elementos patrimoniais do conxunto do parque de Santa Margarida. Ademais, foi incluída polos profesores Antón Castro e Xosé Manuel García Iglesias entre as 100 obras mestras da arte galega.

Coa finalización dos traballos, o Goberno de Inés Rey suma o mural de Leopoldo Nóvoa ás actuacións xa realizadas para a conservación e recuperación de elementos do patrimonio histórico da cidade coma os emblemáticos xardíns de Méndez Núñez ou ás que se levaron a cabo no parque escultórico da Torre de Hércules, no conxunto “Ártabros” de Arturo Andrade ou na “Gran Guitarra” de Pablo Serrano.